OS RENOVE DA XUNTA A PROL DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EVITAN A EMISIÓN DE 2.800 TONELADAS DE CO2 E PERMITEN MOBILIZAR 30 MILLÓNS EN INVESTIMENTOS

28/12/2011

 

  • Economía e Industria puxo en marcha 5 Plans Renove: Electrodomésticos, Fiestras, Vehículos Eficientes, Climatización e Iluminación Interior.
  • Os programas contan cun orzamento conxunto de 6,4 millóns de euros, cos que se prosegue a aposta pola eficiencia e o aforro enerxético.
  • O Renove de Fiestras permitirá desenvolver actuacións en 2.500 fogares galegos, o de Climatización suporá a substitución de 1.200 equipos e o de Iluminación Interior beneficiará a 250 vivendas ou edificios da Comunidade.
  • No caso do Plan de Vehículos Eficientes facilitará a adquisición de preto de 300 vehículos enerxéticamente máis eficientes.
  •  

    Santiago, 28 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), activou durante este 2011 un total de cinco Plans Renove destinados a fomentar o aforro e a eficiencia enerxética, como ferramentas para axudar á reactivación dos sectores clave da economía galega. As actuacións supoñen unha destacable mellora ambiental e enerxética. Así, os plan sumarán un aforro de 14.695 MWh ao ano, evitándose a emisión á atmosfera de máis de 2.800 toneladas de CO2. Ademais, para estes cinco programas –Electrodomésticos, Fiestras, Vehículos Eficientes, Climatización e Iluminación Interior-, o departamento que dirixe Javier Guerra dispuxo un orzamento conxunto de 6,4 millóns de euros, co que se están a mobilizar preto de 30 millóns de euros de inversión. Deste xeito, a Consellería prosegue a súa aposta pola eficiencia e o aforro enerxético.

    Impulso á edificación e ao transporte

    Todas estas actuacións contribúen á dinamización da económica galega, destacando especialmente a súa influencia nos sectores da edificación e do transporte. O primeiro deles vese potenciado directamente polo desenvolvemento de tres plans: Fiestras, Climatización e Iluminación interior. A través deles, a Consellería non só fomenta a substitución de fiestras ou equipos de calefacción e iluminación por outros máis eficientes, senón que promove a xeración dun investimento asociado nesta industria próximo aos 16 millóns de euros. Así, o Plan Renove de Fiestras permitirá desenvolver actuacións en 2.500 fogares galegos; o de Climatización suporá a substitución de 1.200 equipos; e o de Iluminación Interior beneficiará a 250 vivendas ou edificios da comunidade –o ano pasado rexistráronse máis de 50.000 cambios entre lámpadas, balastos e outras actuacións-. Mentres que o Plan de Vehículos Eficientes, pola súa banda, facilitará a adquisición de preto de 300 vehículos enerxéticamente máis eficientes.



    « Volver



    Reymarplast SL

    Campo Santo, 4 Baixo. 15680 Ordes. A Coruña

    Telf/Fax: +34 981 682 411

    info@reymarplast.es