05/01/2012
Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, quen explicou que "a través desta medida, integrada na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética en todos os sectores económicos, a Consellería de Economía e Industria segue apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos, cun aforro de enerxía primaria estimado en 2.488 MWh, o que supón evitar a emisión de 500 toneladas de CO2 á atmosfera".
A contía das axudas do Plan Renove de Fiestras poderá chegar ata os 3.000 euros por piso ou vivenda unifamiliar e ata 50.000 euros por edificio, tanto de vivendas como do sector servizos, podendo alcanzar a axuda ata o 25% do custo total da obra.
A solicitude de axudas abrirase aos 25 días hábiles da data de publicación no DOG, prevista para o 12 de decembro, e poderase realizar ata o 29 de marzo ou ata a data de finalización anticipada do Plan por remate de fondos.
O Plan Renove de Fiestras 2011 de Economía e Industria incardínase na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, polo que se levan investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.
O Plan Renove de Fiestras subvenciona a substitución de novas fiestras que formen parte da envolvente térmica do edificio, por outras de igual ou inferior tamaño, sempre e cando cumpran determinadas esixencias de eficiencia enerxética e dispoñan de marcado CE, entre outros requisitos. Serán igualmente subvencionables a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), e a renovación de portas que separen estancias calefactadas do exterior, sempre e cando cumpran coas especificacións técnicas deste artigo e teñan marco por todo o perímetro.
Poderán ser beneficiarios das subvención as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial e terciario, comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable se realice en edificacións da súa titularidade situados en Galicia. Para poder ser beneficiario da axuda deberase tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao Plan.
Reymarplast SL
Campo Santo, 4 Baixo. 15680 Ordes. A Coruña
Telf/Fax: +34 981 682 411